Monday 13 de May de 2024

O concello de Riveira activa a elaboración do seu Plan Estratéxico de Turismo 2016-2020


A xunta de goberno adxudicou hoxe a elaboración do proxecto

O Concello de Riveira acaba de activar a elaboración do Plan Estratéxico para o Desenvolvemento do Turismo no municipio durante o período 2016-2020.

Este Plan Estratéxico persegue impulsar a diversificación e mellora da oferta, a xeración de novos recursos turísticos e a desestacionalización da demanda.

Para lograr estes obxectivos, o documento eríxese como unha folla de ruta priorizada e valorada na busca de acadar unha mellor xestión do turismo, un mellor posicionamento da marca turística de Riveira e un crecemento continuado dos fluxos turísticos durante todo o ano, impulsando a colaboración público-privada e aumentando e mellorando os servizos de atención ao visitante e da oferta turística, así como o emprendemento no sector.

A empresa na que recaeu a adxudicación foi Valora Consultores de Gestión, S.L., por un importe de 18.271 euros, IVE incluído. O prazo de elaboración dos traballos é de catro meses.

O plan está dividido en cinco fases:

1. Análise da situación de partida.
2. Diagnose DAFO (fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas)
3. Definición de obxectivos e liñas estratéxicas
4. Deseño do Plan de Acción 2016-2020
5. Control e seguimento.

Segundo a proposta da entidade adxudicataria, será deseñado en coherencia e complementariedade cos plans da Xunta vixentes en materia turística (Plan Integral de Turismo de Galicia e, por outra parte, Plan Director e Plan Estratéxico do Camiño de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia), ademais de ter en conta as directrices globais marcadas pola European Travel Commission e a Organización Mundial do Turismo.

Así mesmo, o plan articularase tendo en conta os recursos endóxenos máis significativos. Entre eles, o patrimonio arqueolóxico (dolmen de Axeitos, Castro da Cidá, petróglifo de Pedra das Cabras…), patrimonio cultural (cascos históricos de Palmeira e Corrubedo, museo etnográfico de Artes, CIELGA, aldea de Sálvora, parque de San Roque, camiño de Santiago…), patrimonio natural (Illas Atlánticas, Complexo Dunar de Corrubedo, miradoiros, fondos mariños…) e gastronomía e bar (lonxa, porto de Aguiño, faros de Corrubedo e Sálvora, mercado de abastos…).

Participación cidadá
Para a súa elaboración buscarase a máxima participación cidadá a través de diversos mecanismos: reunións presenciais, mesas de traballo, entrevistas en profundidade, enquisas a pé de rúa e enquisas online, facendo deste xeito partícipes tanto ás entidades xestoras de turismo no concello e na comarca (Arousa Norte, o GAC Ría de Arousa, etc.), como o sector privado e a propia poboación local.